Friday 10 de May de 2024

A biblioteca de Neda propón a creación dun club de lectura infantil


O Concello abre ata o 10 de abril o prazo de inscrición dos nenos e nenas que queiran sumarse a esta proposta de animación mensual

Coincidindo hoxe coa celebración do Día internacional do libro infantil e xuvenil, o Concello de Neda anuncia a súa intención de pór en marcha un club de lectura infantil. O proxecto cultural busca achegar á biblioteca municipal aos máis pequenos da casa, a través de propostas mensuais de animación.

A iniciativa estaría destinada a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, establecéndose grupos en función da capacidade lectora, e busca propiciar que a rapazada incorpore ao seu día a día o hábito de ler.

A diferencia da dinámica habitual do club dos maiores, os participantes máis novos non terán que ler pola súa conta os libros para despois comentalos. Aquí apostarase por unha lectura conxunta que dará pé a distintas accións de dinamización, dirixidas pola animadora sociocultural e pedagoga do Concello.

Entre os obxectivos do club de lectura infantil figuran, entre outros, traballar a comprensión lectora, estimular a imaxinación, ampliar o dominio do idioma e descubrir os universos imaxinarios.

O Concello abre ata o día 10 de abril o prazo para que as familias de Neda interesadas anoten aos menores. Terán que achegarse ata a Casa da Cultura ou chamar ao 981390233. A actividade desenvolverase un xoves pola tarde ao mes.